Semana da loita contra o SIDA

Fai hoxe 29 anos, o 1 de decembro de 1988, celébrase por primeira vez o día internacional da loita contra a sida. No pleno apoxeo da pandemia, o cumio mundial de ministros de saúde decidiu nomear ao 1988 “ano da comunicación e a cooperación sobre a sida”, nun esforzo por aumentar a conciencia pública na prevención e tratamento da sida, así como sinal de solidariedade e apoio ás persoas con VIH e en memoria de quen sucumbiu a ela. Co obxectivo de estender esta labor de concienciación a OMS decide instaurar un día ao ano no que se celebren as vitorias na loita contra esta enfermidade, no que se partille información e medidas para evitar novos contaxios, e no que se garde loito polas mortas.

A pesar de isto, 29 anos máis tarde estamos a ver un repunte nos casos de diagnóstico de VIH, os gobernos recortan en prevención, permiten que os preservativos (en especial os femininos) se vendan a prezos prohibitivos para grande parte da clase obreira, néganse a promover programas de educación sexual realmente útil, e manteñen ás persoas que viven con VIH invisibilizadas e sen voz. Case 3 décadas máis tarde e atopamos o continente africano nunha situación crítica, cuxa poboación, vítima do colonialismo europeo e a miseria do sistema capitalista, pode ser completamente devastada no caso de seguir a mesma tendencia.

Por todos estes motivos, dende Avante LGBT+ decidimos que un día non é suficiente, e hoxe damos comezo á SEMANA da loita contra a sida. Unha semana na que demandaremos que se difunda na poboación unha información actualizada, útil e veraz sobre o VIH, e que se remate con todos os mitos. Unha semana na que daremos visibilidade á serofobia que impera na sociedade, inclusive nos círculos LGBT+. Unha semana na que chamaremos a atención sobre unha das prácticas de risco máis invisibilizadas pola sociedade cisheteronormativa e que pon en grave perigo á poboación LGBT+ debido a este descoñecemento: o sexo sen medidas profilácticas entre persoas con vaxina. Unha semana na que, de novo, berraremos XA ABONDA, porque esta enfermidade xa matou a máis de 25 millóns de persoas a nivel mundial e parece que só as persoas que habitamos as marxes da sociedade —as maricas, as trans, as prostitutas, as drogodependentes, as racializadas— somos as que temos que vivir toda a nosa vida preocupadas por si seremos as seguintes, sen que o resto da sociedade se involucre en loitar contra esta pandemia.